Sunday 05 de May de 2024

A rapazada da Aldea de Verán de San Sadurniño descobre o braille gracias á ONCE


A Aldea de Verán de San Sadurniño recibiu hoxe a visita de Juan Carlos Buño, instrutor da ONCE en tifloloxía e braille. A rapazada viu -e probou- unha máquina Perkins para escribir en braille, así como outros dispositivos que permiten adaptar este sistema ás táblets e ordenadores que usan as persoas cegas ou que ven moi pouco. E, como remate, Juan leulles un conto escrito desta maneira, na que se utiliza un alfabeto onde as letras e signos ortográficos se conseguen combinando seis puntiños de distintas maneiras. Eses puntiños van marcados en releve no papel -ou en calquera outra superficie- e hai que lelos co tacto, pasando por riba deles a xema dos dedos.

A cativería da Aldea de Verán encara deste xeito os últimos días dun campamento que aínda lles depara algunhas sorpresas. Así, este martes durante toda a mañá participarán nunha actividade dirixida polo xeólogo Fran Canosa na que batearán o cauce do Xubia á procura de “ouro”, ademais de aprender cousas sobre a riqueza xeolóxica da nosa zona, que aspira a obter o distintivo de Xeoparque Mundial da UNESCO. O mércores terán unha sesión de contacontos coas aventuras de Daniela Pirata (Casa da Cultura, 12.00h.).